Índice de Saúde dos Océanos en Galicia.

EqualSea Lab lanza unha consulta cidadá para avaliar a saúde do océano en Galicia

Que é para ti un océano saudable? A partir desta pregunta, o grupo EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Sebastián Villasante, do departamento de Economía Aplicada e membro de CRETUS, quere coñecer a percepción que a sociedade ten respecto da saúde das costas galegas. E con este obxectivo lanza a consulta cidadá sobre o índice de saúde do océano en Galicia, unha iniciativa pioneira en Europa. A enquisa, xa dispoñible na páxina web do grupo EqualSea Lab, estará aberta á cidadanía durante os vindeiros meses.

Esta consulta pública axudará ao equipo da USC nunha investigación que desenvolven no marco do proxecto internacional AtlantECO. Nesta iniciativa, o EqualSea Lab ten por obxectivo determinar cal é o Índice da Saúde dos Océanos (Ocean Health Index) no litoral de Galicia. Pode accederse a ela nesta ligazón:

OHI+ Galicia

Índice de Saúde dos Oceános

O Índice de Saúde dos Oceános (Ocean Health Index en inglés, OHI+) é unha metodoloxía baseada na análise dos beneficios e servizos que as persoas poden obter dos océanos, como poden ser os alimentos, os valores sociais e culturais e o emprego. Foi desenvolvida pola Universidade de Santa Bárbara (Estados Unidos) en 2012, e define como océano saudable aquel que achega de maneira sostible unha variedade de beneficios para as persoas, tanto no presente como no futuro.

É un dos métodos de referencia máis utilizados a nivel global para determinar como de saudables son os océanos nas distintas áreas do mundo a partir de 10 metas principais (provisión de alimentos, oportunidades para a pesca artesanal, produtos naturais, biodiversidade, medios de subsistencia costeiros e economía, turismo e actividades recreativas, sentido de pertenza, protección costeira, augas limpas e secuestro de carbono), poñendo o foco en diversos factores económicos, medioambientais, sociais e culturais.

Punto de encontro e aprendizaxe

Co apoio desta consulta cidadá e a posterior análise realizada polo EqualSea Lab, Galicia poderá contar, por primeira vez,co seu propio índice, nun nivel de detalle do que dispoñen poucas rexións do planeta. “Esta consulta pública axudaranos a entender mellor o vínculo da sociedade galega co medio mariño. Imos coñecer valoracións sobre a percepción da saúde do océano, as ameazas e riscos que poden afectar a esta saúde da nosa costa e como as persoas vinculan un bo estado de saúde do mar ao seu propio benestar”, explica o profesor Sebastián Villasante. 

Alén disto, segundo expón o equipo promotor da consulta, o método colaborativo co que se desenvolverá o OHI+ Galicia servirá como un foro de encontro e aprendizaxe, que axudará a identificar as interaccións entre as diversas actividades que se desenvolven nos océanos e establecer os obxectivos de xestión destes espazos en Galicia. O coñecemento xerado contribuirá, por tanto, a mellorar as ferramentas de conservación do territorio costeiro galego, e vai poñer en valor a relevancia das actividades pesqueiras, marisqueiras, acuicultura e o turismo, entre outras. E, deste xeito, xerará un impacto positivo no benestar das actuais e as futuras xeracións. 

Sobre o EqualSea Lab

Este grupo de investigación interdisciplinar, dirixido polo Profesor Sebastián Villasante, ten por obxectivo afondar no coñecemento nas relacións que se establecen entre o mar e as comunidades costeiras, co obxectivo de impulsar cambios transformadores que conduzan a sociedades máis equitativas. Conta con expertos e expertas en bioloxía, economía, ciencias mariñas, xestión de pesquerías, equidade e governanza. 

O equipo desenvolve, entre outras iniciativas, o proxecto EQUALSEA, financiado pola convocatoria de excelencia Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Esta investigación está centrada no estudo de cambios transformadores que impulsan a sostibilidade e equidade dos océanos, identificando iniciativas prometedoras chave para asegurar que os alimentos azuis poidan alimentar á humanidade. 

No Comments

Post A Comment