A USC lidera un proxecto que avalía como as áreas mariñas protexidas contribúen ao benestar humano

O profesor Sebastián Villasante coordina ECOSER 2.0, iniciativa financiada pola Fundación Biodiversidad, que toma como casos de estudo a reserva mariña de Lira (Carnota) e os parques nacionais das Illas Atlánticas e Cabo de Gata

O equipo do profesor da USC Sebastián Villasante, director do EqualSea Lab e pertencente a CRETUS, acaba de ser seleccionado polo Programa Pleamar 2021 da Fundación Biodiversidad para abordar unha nova etapa do proxecto ECOSER. Esta investigación xa avaliara entre 2019 e 2021 como os servizos dos ecosistemas das áreas mariñas protexidas (AMP) contribúen ao benestar das sociedades na súa contorna. Baixo a denominación ECOSER 2.0 (Efectividade das áreas naturais protexidas á contribución do benestar humano) o proxecto conta tamén coa participación dos profesores Gumersindo Feijoo e Maite Moreira (BioGroup) así como doutras entidades como as universidades de Vigo e Almería e a Fundación Lonxanet, e ten como obxectivo destacar a importancia da dimensión humana das AMP.

Para cumprir cos seus obxectivos, ECOSER 2.0 desenvolverá diversas accións. A primeira será o uso da teoría de grafos para o deseño de redes que analicen os vínculos entre compoñentes ecolóxicos, sociais e institucionais presentes nas AMP, o que permitirá identificar como se desenvolven, de forma integrada, os procesos nos que toman parte os servizos ecosistémicos. Isto é, como os servizos son subministrados polas especies presentes nestas áreas, como son proporcionados aos beneficiarios directos e indirectos e como son xestionados polas institucións públicas. Con estes datos poderanse identificar os factores ambientais (abundancia das especies), económicos (rendibilidade), sociais (emprego) e institucionais (sistemas de xestión) que determinan o grado de efectividade das AMP, cunha énfase especial nos efectos do cambio climático ou a contaminación mariña.

Lira, Illas Atlánticas e Cabo de Gata

Os servizos ecosistémicos mariños (SEM) enténdense como os elementos que achegan benestar e recursos ás sociedades humanas, entre os que destacan as actividades da pesca, recreativas ou o secuestro de carbono. Así, ECOSER 2.0 afondará en tres casos de estudo (a reserva mariña dos Miñarzos, en Lira-Carnota, e os parques nacionais das Illas Atlánticas e do Cabo de Gata), en contacto con xestores destes espazos, pescadores, demais usuarios e centros de investigación. Deste traballo sobre o terreo sairán solucións para cada un dos sectores e propostas para mellorar a toma de decisións na xestión das áreas mencionadas, en consonancia cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) establecidos pola ONU.

Os resultados obtidos axudarán a identificar os compoñentes que determinan a efectividade das AMP, como son a diversidade de especies, as funcións ecolóxicas do sistema, o rol dos actores sociais, o papel dos sistemas de gobernanza e os impactos locais e distais do cambio climático e a contaminación costeira. Tamén se desenvolverán mesas de traballo para validar os resultados da man de axentes implicados nestas áreas. Para isto, colaborarán con ECOSER 2.0 entidades como os Parques Naturais de Cabo de Gata-Níjar e Illas Atlánticas de Galicia, a Asociación de pesca artesanal do Parque Natural de Cabo de Gata, a Confraría de Pescadores de Lira e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Ferramenta pioneira

Este labor de investigación estará representado nunha ferramenta interactiva de visualización na que se poderán observar os resultados do proxecto. Por primeira vez no campo de estudo das AMP desenvolverase un portal en liña (ECO-DATASEA) con información de acceso público, sinxelo, alta calidade e actualizacións periódicas para cada un dos tres casos de estudo, na que se exporá como se tecen as relacións entre os diversos compoñentes das AMP a través de mapas, gráficos e informes.

Segúndo o profesor Villasante, ante a nova Estratexia de Biodiversidade da Unión Europea para o 2030 “existe a necesidade de xerar coñecemento acerca dos beneficios sociais das AMPs”, así como “o rol dos seres humanos actores de cambio imprescindibles para a xestión destas áreas mariñas”. Villasante tamén sinala que esta ferramenta contribuirá, ao mesmo tempo, a divulgar os avances do proxecto achegándoos ás administracións, os usuarios e os centros de investigación. Os resultados compartiranse cos diversos axentes implicados, así como coa sociedade en xeral, a través de obradoiros, conferencias divulgativas e a elaboración dunha guía que estableza as claves para o manexo dos servizos ecosistémicos. Con estas accións preténdese fomentar a capacitación dos grupos implicados nestas áreas para mellorar a súa xestión. Os resultados obtidos nos tres espazos protexidos citados poderán ser, ademais, estenderse a outras AMPS en España.

No Comments

Post A Comment