Posted at 07:17h
in
News
by manuel
As praderías mariñas do xénero Zostera ou Posidonia conforman ecosistemas moi relevantes na franxa intermareal e infralitoral das costas de moitas partes do planeta. Nas últimas décadas, debido á presión que provocan diversas actividades humanas, numerosos estudos centráronse nelas para mellorar a súa xestión e conservación. No marco do proxecto de investigación ZEUS, un equipo de científicos galegos acaba de publicar, na revista
Frontiers in Marine Science, unha revisión global da literatura científica sobre as interaccións entre as praderías mariñas e actividades extractivas, como a pesca e o marisqueo.
“O obxectivo deste artigo é obter un punto de referencia, unha guía para coñecer cales son os problemas de conservación aos que se enfrontan estes leitos mariños no mundo, en relación coas actividades pesqueiras. Proporcionan servizos ecosistémicos moi importantes no contexto do cambio climático, como refuxio de especies, aumento da produtividade da auga, filtración de contaminantes, fixación do fondo do mar contra a erosión ou o secuestro de carbono”, explica Mariana Herrera, investigadora do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e primeira autora do artigo. O traballo tamén está asinado por Celia Olabarria e Elsa Vázquez da UVigo, Carlos Duarte da Universidade King Abdullah de Arabia Saudita, e Pablo Pita, Ana Tubío e Sebastián Villasante do CRETUS da USC.
Impactos e beneficios
Os autores e autoras estudaron preto dun centenar de publicacións realizadas en diversas zonas costeiras dos distintos océanos, aínda que hai un maior número de publicacións no hemisferio norte. Estes traballos aumentaron sobre todo dende principios do século XXI, o que constata o crecente interese por estas interaccións nas últimas dúas décadas debido á acumulación de presións antrópicas e ao conseguinte declive que sufriron os bancos de praderías mariñas ao longo do século XX.
Nos últimos anos, a perda de superficie destes espazos segue avanzando, a un ritmo de arredor do 7% ao ano en toda a distribución mundial. O aumento da temperatura asociado ao cambio climático únese así aos impactos xa provocados pola pesca de arrastre, o dragado, o uso de motores ou a propagación de especies invasoras asociadas á acuicultura. Esta revisión pretende, polo tanto, analizar a situación actual destas interaccións, identificar posibles lagoas de coñecemento e determinar as prioridades de investigación.
Neste sentido, o equipo autor do traballo advirte da escaseza de estudos centrados nas interaccións entre as praderías mariñas e as actividades pesqueiras cunha perspectiva interdisciplinaria, que teñan en conta as implicacións socioecolóxicas e socioeconómicas dos posibles conflitos. "Este coñecemento é fundamental para crear políticas e plans de xestión relevantes e para impulsar sistemas de goberno que teñan en conta os dereitos e necesidades do sector pesqueiro", sinala o traballo. A análise recolle dúas categorías de interaccións, que poderían considerarse positivas ou negativas. E cada un deles móstrase nunha escala de magnitude segundo o seu impacto, dende un grao mínimo ata o máis alto.
“A maioría dos estudos revisados describen unha interacción negativa entre estes leitos mariños e as actividades pesqueiras ou marisqueiras. No caso de Galicia, por exemplo, levamos estudando estas interaccións dende o ano 2019 e vimos que nalgunhas zonas existe un conflito entre o marisqueo e a presenza de pradarías de Zostera: as mariscadoras dinnos que ás veces teñen que arrincalas para poder mariscar. Pero esta distribución de praderías e marisqueo debe ser compatible para garantir a actividade e, ao mesmo tempo, non afectar á presenza destes importantes hábitats”, explica Mariana Herrera.
Porén, o equipo tamén fai fincapé nos servizos ecosistémicos positivos destes bancos de fanerógamas. “As praderías das rías galegas constitúen tamén un importante espazo de desova e cría de especies como o choco (Sepia officinalis), e en xeral, están relacionados cunha maior abundancia e recrutamento de especies de interese comercial”, engade a primeira autora do traballo.
Esta revisión agora publicada forma parte do proxecto de investigación ZEUS, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. O seu obxectivo é proporcionar información que facilite a xestión integral e eficiente dos recursos marisqueiros nos bancos intermareais de Zostera nun contexto de cambio climático, no que os eventos extremos serán máis frecuentes e intensos.
ZEUS analiza, entre outras actuacións, o papel das praderías de Zostera noltei como áreas de cría e hábitats de adultos de tres especies comerciais de ameixa, e como hábitat que favorece a resposta das distintas especies de ameixa ás vagas de calor e ás variacións das condicións de salinidade. Estúdanse tamén os posibles efectos das ameixas na Zostera. A investigación desenvólvese en bancos marisqueiros de Cambados, Combarro e Testal, nas rías de Arousa, Pontevedra e Muros-Noia, respectivamente, e en estreita colaboración coas Confrarías de Cambados, Noia e a Lonxa de Campelo. O proxecto está coordinado polas profesoras Celia Olabarria e Elsa Vázquez, da UVigo.