Os resultados do proxecto ECOSER 2.0, liderado pola USC, poderán visualizarse a través dunha ferramenta interactiva mediante mapas, gráficos e informes, que serán de acceso público a través da plataforma en liña ECO-DATASEA. Esta investigación, que xurdiu como continuación dos resultados de ECOSER, chega a...

Un grupo internacional de especialistas, entre os que se atopa Sebastián Villasante, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC e director do EqualSea Lab, asina na revista One Earth un artigo no que se urxe “unha transformación global cara a unha economía azul sostible...

A pescada foi, ao longo da historia, un alimento clave para a poboación de Europa occidental. As especies do xénero Merluccius que se consomen en España manteñen unha notable presenza na gastronomía e no mercado estatal pero, ata o de agora, ningún traballo científico analizara e reconstruíra a pegada de carbono que xera a cadea agroalimentaria da pescada para abastecer o consumo en España. O profesor da USC, Sebastián Villasante, é un dos asinantes do estudo que acaba de publicar Journal of Cleaner Production e que evidencia que só o 8% da pescada consumida en territorio español procede de zonas nacionais de pesca. Ademais, o 47% da pescada capturada pola frota do Estado percorre unha media de 12.000 km ata territorio español, o que supón que as emisións totais de gases de efecto invernadoiro (GEI) da cadea de subministración da pescada alcancen as 681 quilotonealdas de CO₂e. Xunto ao profesor Villasante, pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), tamén participaron no estudo o investigador da USC e do CRETUS, Guilherme Martins Aragão; Pablo Saralegui Díez do Laboratorio de Historia dos Agroecosistemas da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla; Lucía López López e Joan Moranta do Instituto Español de Oceanografía; e Eduardo Aguilera da Politécnica de Madrid. Todos eles forman parte da asociación científica Alimentta.

Cada vez máis lonxe

A globalización da economía e o consecuente aumento do volume do comercio internacional aumentaron as distancias entre os puntos de produción e de consumo. Este fenómeno conseguiu reducir a pobreza en moitas partes do mundo, mais, ao tempo, aumentou a presión sobre os ecosistemas e os recursos naturais. “Os grandes barcos pesqueiros teñen que desprazarse cada vez máis lonxe e a augas máis profundas para capturar peixe, o que aumenta a contaminación asociada ao consumo de determinadas especies mariñas”, explican dende o equipo investigador. Entre outras consecuencias ambientais, destaca o aumento das emisións de GEI. Algúns estudos indican que un terzo das emisións antropoxénicas de GEI proceden dos sistemas agroalimentarios, incluíndo a produción, o transporte, o envasado e o consumo de alimentos. Por tanto, a redución desta contaminación é hoxe un obxectivo primordial. No caso da pesca, algúns estudos calculan que o sector emite entre 112 e 179 toneladas anuais de CO₂, o que supón o 0,5% de todas as emisións de GEI e o 4% das procedentes da produción de alimentos. Neste contexto, a investigación agora publicada avalía, por primeira vez, a pegada de carbono da cadea da pescada para abastecer o mercado estatal prestando atención ás emisións de GEI dos distintos procesos. Inclúense as emisións dos buques que capturan pescada descargada nos portos españois, dos buques españois que capturan pescada descargada en portos internacionais, e das importacións con destino a España (incluídas as emisións de GEI dos buques dos seus países de orixe), e os medios de transporte utilizado para trasladalo a España e tamén para a súa distribución dentro do país. “O informe presenta unha proposta sólida sobre como considerar os impactos no ecosistema, non só da pesca, senón tamén de toda a cadea agroalimentaria que abastece a un país”, sinalan. Isto contribuiría a mellorar o enfoque da próxima revisión do marco normativo da Política Pesqueira Común, así como outras normativas como a Directiva Marco sobre a Estratexia Mariña. A evidencia extraída desta investigación expón a necesidade de acadar un equilibrio entre os patróns saudables derivados do consumo de peixe e o seu impacto ambiental asociado, promovendo así unha transformación dos sistemas alimentarios cara a unha visión compartida da saúde do planeta e das persoas. De acordo co estudo, a pesca supón a maior contribución ás emisións da cadea de subministración da pescada en España. Os países que máis pescada importan a España son Namibia (30% das importacións) e Francia (17%).

Algunhas cifras salientables

- Só o 8% da pescada consumida en España procede de zonas nacionais de pesca.

- A frota española capturou 98.206 toneladas de pescada en 2017.

- O 47% da pescada capturada pola flota nacional percorre unha media de 12.000 km ata territorio español.

- A pesca supón a maior contribución ás emisións da cadea de subministración da pescada en España.

- As emisións totais de GEI da cadea de subministración da pescada en España alcanzan os 681 kt de CO₂e.

- Os países que máis pescada importan a España son Namibia (30% das importacións) e Francia (17%).

Para garantir o éxito e a continuidade do sector pesqueiro, os investigadores instan tanto á industria como ás administracións a "adoptar solucións innovadoras ao longo de toda a cadea de valor, como a redución de emisións de GEI nas operacións e cadeas de subministración utilizando solucións climáticas baseadas na natureza; ampliar e estandarizar a etiquetaxe dos alimentos para incluír información sobre as implicacións para a saúde e a sustentabilidade dos produtos alimentarios; apoiar o sector pesqueiro nesta transición con formación e desenvolvemento, asistencia e recoñecemento; fomentar prácticas de márketing transparentes que promovan un consumo de alimentos saudable e sostible; axudar aos consumidores a reducir o desperdicio de alimentos con ideas para as sobras e o tamaño de porcións; e adoptar unha mestura de proteínas diversa e sostible a través do aumento das diversas fontes de proteína de orixe vexetal". Deste xeito, conclúen que “o futuro das xeracións actuais e futuras depende da nosa capacidade para crear un sistema alimentario que apoie as persoas sas e un planeta saudable”.

O mercado da pescada en España

España está entre os 25 maiores produtores de alimentos mariños no mundo, e conta coa maior industria pesqueira da Unión Europea, con 850.000 toneladas, o 29% de todas as descargas da frota comunitaria. A pescada, un dos peixes máis consumidos no mercado español, supón o 15% do valor total das capturas da frota nacional. Os resultados desta investigación indican que España captura nos caladoiros nacionais só o 8% da pescada que consome (12.002 toneladas). O resto procede de caladoiros comunitarios ou internacionais (85.470 t), ou importacións de terceiros países (121.031 t). Estas cifras confirman que, como ocorre con outros alimentos do mar, gran parte da pescada que se consome en España percorre longas distancias antes de chegar á mesa do consumidor. Deste xeito, as distancias varían entre os 10.000 km de Chile, Arxentina, Uruguai, as illas Malvinas e Sudáfrica, os 3.000-4.000 km de Norteamérica e os 800-3.000 km de Marrocos e outros países europeos. O valor acumulado das emisións relacionadas coa pesca representa o 67% das emisións totais da cadea agroalimentaria da pescada, sendo o 33% restante asociado ao transporte (mar, aire ou estrada).

O proxecto ECOSER 2.0 ‘Efectividade das áreas naturais protexidas na contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao benestar humano’, coordinado polo profesor Sebastián Villasante, acaba de iniciar o proceso de validación dos datos compilados, en base á evidencia científica, dende o seu inicio, cos principais grupos...

As praderías mariñas do xénero Zostera ou Posidonia conforman ecosistemas moi relevantes na franxa intermareal e infralitoral das costas de moitas partes do planeta. Nas últimas décadas, debido á presión que provocan diversas actividades humanas, numerosos estudos centráronse nelas para mellorar a súa xestión e conservación. No marco do proxecto de investigación ZEUS, un equipo de científicos galegos acaba de publicar, na revista Frontiers in Marine Science, unha revisión global da literatura científica sobre as interaccións entre as praderías mariñas e actividades extractivas, como a pesca e o marisqueo. “O obxectivo deste artigo é obter un punto de referencia, unha guía para coñecer cales son os problemas de conservación aos que se enfrontan estes leitos mariños no mundo, en relación coas actividades pesqueiras. Proporcionan servizos ecosistémicos moi importantes no contexto do cambio climático, como refuxio de especies, aumento da produtividade da auga, filtración de contaminantes, fixación do fondo do mar contra a erosión ou o secuestro de carbono”, explica Mariana Herrera, investigadora do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e primeira autora do artigo. O traballo tamén está asinado por Celia Olabarria e Elsa Vázquez da UVigo, Carlos Duarte da Universidade King Abdullah de Arabia Saudita, e Pablo Pita, Ana Tubío e Sebastián Villasante do CRETUS da USC.

Impactos e beneficios

Os autores e autoras estudaron preto dun centenar de publicacións realizadas en diversas zonas costeiras dos distintos océanos, aínda que hai un maior número de publicacións no hemisferio norte. Estes traballos aumentaron sobre todo dende principios do século XXI, o que constata o crecente interese por estas interaccións nas últimas dúas décadas debido á acumulación de presións antrópicas e ao conseguinte declive que sufriron os bancos de praderías mariñas ao longo do século XX. Nos últimos anos, a perda de superficie destes espazos segue avanzando, a un ritmo de arredor do 7% ao ano en toda a distribución mundial. O aumento da temperatura asociado ao cambio climático únese así aos impactos xa provocados pola pesca de arrastre, o dragado, o uso de motores ou a propagación de especies invasoras asociadas á acuicultura. Esta revisión pretende, polo tanto, analizar a situación actual destas interaccións, identificar posibles lagoas de coñecemento e determinar as prioridades de investigación. Neste sentido, o equipo autor do traballo advirte da escaseza de estudos centrados nas interaccións entre as praderías mariñas e as actividades pesqueiras cunha perspectiva interdisciplinaria, que teñan en conta as implicacións socioecolóxicas e socioeconómicas dos posibles conflitos. "Este coñecemento é fundamental para crear políticas e plans de xestión relevantes e para impulsar sistemas de goberno que teñan en conta os dereitos e necesidades do sector pesqueiro", sinala o traballo. A análise recolle dúas categorías de interaccións, que poderían considerarse positivas ou negativas. E cada un deles móstrase nunha escala de magnitude segundo o seu impacto, dende un grao mínimo ata o máis alto. “A maioría dos estudos revisados ​​describen unha interacción negativa entre estes leitos mariños e as actividades pesqueiras ou marisqueiras. No caso de Galicia, por exemplo, levamos estudando estas interaccións dende o ano 2019 e vimos que nalgunhas zonas existe un conflito entre o marisqueo e a presenza de pradarías de Zostera: as mariscadoras dinnos que ás veces teñen que arrincalas para poder mariscar. Pero esta distribución de praderías e marisqueo debe ser compatible para garantir a actividade e, ao mesmo tempo, non afectar á presenza destes importantes hábitats”, explica Mariana Herrera. Porén, o equipo tamén fai fincapé nos servizos ecosistémicos positivos destes bancos de fanerógamas. “As praderías das rías galegas constitúen tamén un importante espazo de desova e cría de especies como o choco (Sepia officinalis), e en xeral, están relacionados cunha maior abundancia e recrutamento de especies de interese comercial”, engade a primeira autora do traballo. Esta revisión agora publicada forma parte do proxecto de investigación ZEUS, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España. O seu obxectivo é proporcionar información que facilite a xestión integral e eficiente dos recursos marisqueiros nos bancos intermareais de Zostera nun contexto de cambio climático, no que os eventos extremos serán máis frecuentes e intensos. ZEUS analiza, entre outras actuacións, o papel das praderías de Zostera noltei como áreas de cría e hábitats de adultos de tres especies comerciais de ameixa, e como hábitat que favorece a resposta das distintas especies de ameixa ás vagas de calor e ás variacións das condicións de salinidade. Estúdanse tamén os posibles efectos das ameixas na Zostera. A investigación desenvólvese en bancos marisqueiros de Cambados, Combarro e Testal, nas rías de Arousa, Pontevedra e Muros-Noia, respectivamente, e en estreita colaboración coas Confrarías de Cambados, Noia e a Lonxa de Campelo. O proxecto está coordinado polas profesoras Celia Olabarria e Elsa Vázquez, da UVigo.