27 Oct Unha ferramenta interactiva e de acceso público amosará o funcionamento dos servizos ecosistémicos mariños
Os resultados do proxecto ECOSER 2.0, liderado pola USC, poderán visualizarse a través dunha ferramenta interactiva mediante mapas, gráficos e informes, que serán de acceso público a través da plataforma en liña ECO-DATASEA. Esta investigación, que xurdiu como continuación dos resultados de ECOSER, chega a súa conclusión despois de afondar no coñecemento dos servizos ecosistémicos mariños (SEM) en tres espazos mariños protexidos: Cabo de Gata na provincia de Almería, Reserva Mariña Os Miñarzos (A Coruña) e Illas Cíes, (Pontevedra).
O proxecto permitiu profundar, a través de procesos participativos, no coñecemento sobre o funcionamento destas áreas protexidas e a súa capacidade para achegar servizos ecosistémicos ou beneficios á sociedade. A investigación avanzou mediante unha análise de meta-redes coa que se determinou a conexión dos compoñentes ecolóxicos, sociais, ambientais e institucionais dos tres casos de estudo e a efectividade das Áreas Naturais Protexidas (ANP).
Análise mediante teoría de grafos
A ferramenta principal de análise do proxecto foi a ‘teoría de grafos’, coa que se estudou a conectividade dos compoñentes considerados, a través da visualización das relacións da rede e o establecemento de índices sobre as relacións entre compoñentes. Estes índices foron validados nunha mesa de persoal experto, na que se obtivo unha clasificación do grao de impacto de cada nodo na rede.
Para iso, desenvolveuse unha acción previa de investigación e revisión dos resultados do proxecto ECOSER, co obxectivo de identificar que factores (ambientais, económicos, sociais e institucionais) determinan o grao de efectividade das ANP, con especial énfase nos efectos do cambio climático nos tres casos de estudo.
Tamén se organizaron catro mesas de traballo sectoriais, así como entrevistas con xestores, representantes do sector produtivo e turístico e persoal investigador de diferentes ámbitos que desenvolveron análises nestes espazos. O segundo bloque de accións incluíu o deseño dunha ferramenta interactiva de visualización de resultados de meta-redes e os servizos ecosistémicos mariños en cada unha das zonas de estudo e a socialización da mesma. O resultado final é unha ferramenta que permite visualizar tres matrices de conectividade, onde se visualizan as relacións entre os diferentes actores que teñen participación nestas áreas e a súa capacidade de proporcionar servizos ecosistémicos mariños.
Divulgación
Ademais, o equipo realizou varias actividades de divulgación do coñecemento xerado no marco do proxecto. No mes de setembro celebráronse dúas xornadas. Na primeira delas presentáronse os resultados do proxecto a todas as persoas participantes no proceso de recollida de información. Foi a través dun webinar duns 90 minutos, no que se presentaron as principais conclusións de cada un dos tres estudos de caso, así como a visualización da ferramenta interactiva e as súas principais conclusións.
A segunda das xornadas consistiu nun seminario celebrado en formato híbrido celebrado na USC. A actividade contou con máis de 70 asistentes, tanto presencialmente como de forma remota. Nela, os investigadores do proxecto Sebastián Villasante e Andrés Ospina conduciron unha xornada divulgativa sobre a teoría de grafos, con diferentes exemplos relacionados coas ciencias tanto naturais como sociais.
A iniciativa ECOSER 2.0, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, contou coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP, así como outras entidades de referencia na materia como a Universidade de Vigo, a Universidade de Almería e a Fundación Lonxanet, e coa participación do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa (ICSEM).
No Comments