Unha conferencia analiza en Vigo a dimensión humana da área protexida das Illas Cíes

O salón de actos do Museo do Mar de Galicia, en Vigo (Avenida da Atlántida, 160), acollerá o sábado 21 de maio (12 horas), a conferencia “A dimensión humana das áreas mariñas protexidas. As Illas Cíes”. O obxectivo da actividade é amosar como o potencial transformador da xestión destes espazos pode axudar a complementar a conservación da natureza e as actividades humanas.

No encontro exporase como o desenvolvemento do Parque Nacional das Illas Atlánticas, e en concreto o traballo realizado nas Cíes, leva impulsando, desde a súa posta en marcha, o dinamismo social e económico desta área da costa galega. Será unha oportunidade para a reflexión, de cara a abordar o futuro do espazo. Poñeranse en comúns os aspectos positivos desta área mariña protexida (AMP) e, ao tempo, analizaranse os retos e problemas que afronta.

Será unha conferencia aberta con representante do eido investigador, da administración e a comunidade local. Nela explicarase como as AMPs poden contribuír non só á conservación da biodiversidade nestes espazos, senón tamén ao benestar das persoas e sociedades vinculadas a elas. Escoitaranse as visións de profesionais cun profundo coñecemento da área, para obter un panorama xeral de como esta figura de protección fomentou o coidado da natureza en combinación coas actividades humanas.

A necesidade de mellorar a xestión destas áreas enmárcase nas estratexias a prol da conservación da biodiversidade, impulsadas por organismos como as Nacións Unidas ou a Unión Europea, que avogan por que un 30% da superficie mariña estea considerada como área mariña protexida no ano 2030.

No encontro participarán profesionais cun coñecemento profundo do estudo das áreas mariñas protexidas e do caso concreto das Cíes. Falarán Sebastián Villasante, Director do EqualSea Lab (CRETUS – Universidade de Santiago de Compostela), e Investigador Principal do proxecto ECOSER 2.0 financiado pola Fundación Biodiversidade no programa PLEAMAR, que ten as Illas Cíes como un dos exemplos de estudo para analizar como estas áreas protexidas contribúen ao benestar humano na súa contorna, Gonzalo Méndez Martínez, profesor titular de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio na Universidade de Vigo, tamén investigador do proxecto ECOSER 2.0, Raúl García Rodríguez, coordinador de Pesquerías de WWF España, e Javier Costa, patrón maior da confraría de pescadores de Cangas.

O Día Marítimo Europeo

O Día Marítimo Europeo (European Maritime Day) é unha celebración anual impulsada pola Unión Europea para reunir aos diversos axentes implicados nos asuntos vinculados ao mar e a contribución a unha economía azul e sustentable. Os actos centrais terán lugar neste 2022 en Rávena (Italia) os días 19 e 20 de maio. Ademais, de abril a outubro, os países da UE acollerán máis de 500 actividades paralelas ao abeiro da iniciativa do “Día Marítimo Europeo no meu país”.

O encontro está organizado polo EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela, equipo financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC), no marco do proxecto “EqualSea. Transformative adaptation towards ocean equity”. O seu obxectivo é comprender como as áreas mariñas protexidas, como é o caso do Parque Nacional das Illas Atlánticas, poden reducir a desigualdade nas comunidades próximas e impulsar transformacións cara a un planeta máis sustentable no futuro.

No Comments

Post A Comment