14 Oct Sebastián Villasante participa nun estudo internacional que recolle os retos inminentes das actividades vinculadas ao mar e os seus recursos
Un grupo internacional de especialistas, entre os que se atopa Sebastián Villasante, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC e director do EqualSea Lab, asina na revista One Earth un artigo no que se urxe “unha transformación global cara a unha economía azul sostible e equitativa que beneficie as poboacións costeiras”. As propostas deste traballo pretenden servir de base para un programa de acción global que permita navegar cara a unha nova dirección neste sector, socialmente máis sostible e equitativo para a economía azul mundial.
Como expoñen os autores e as autoras deste artigo, o desenvolvemento económico baseado nos océanos pode, en ocasións, non xerar os efectos desexados nas comunidades nas que se asenta. Entre os exemplos cítanse a escasa repercusión económica nas zonas nas que se desenvolve, unha maior desigualdade, contaminación, desprazamento das comunidades locais e dos seus medios de vida, ameazas á sustentabilidade ambiental ou importantes impactos sociais e culturais.
Catro problemas
O texto exemplifica estes impactos en catro asuntos clave que, segundo os e as asinantes, perpetúan unha economía oceánica socialmente desigual. Na base da problemática sitúan un sistema “que dá prioridade ao crecemento económico, exemplificado no uso do Produto Interior Bruto (PIB) como principal medida de status ou progreso, tanto para nacións como para os sectores empresariais e os seus beneficios”. Diante disto, sinalan que se dá menos importancia ás “medidas máis holísticas como o benestar da sociedade, o reparto da riqueza ou a dependencia do medio ambiente”.
A este respecto, a análise pon de relevo que no paradigma imperante no pasado, tamén no desenvolvemento dos océanos, os beneficios económicos a curto prazo —moitas veces extraídos por un reducido número de empresas en países de altos ingresos— priman sobre a conservación do medio mariño, medios de vida, seguridade alimentaria ou dereitos sociais das comunidades locais.
En segundo lugar, o artigo advirte que non se presta suficiente atención á sustentabilidade social e á equidade nas deliberacións internacionais e nacionais e nos documentos políticos sobre a economía azul, en comparación coa viabilidade económica e á sustentabilidade ambiental. Ademais, destácase que a nivel global “o sector privado non está suficientemente comprometido coa defensa dos dereitos humanos e a mellora das condicións sociais”, situando estes factores nun plano secundario respecto aos beneficios económicos. “A responsabilidade social das empresas (RSE) evolucionou a partir dun pensamento que sostén que a responsabilidade é, en primeiro lugar, económica; en segundo lugar, legal; en terceiro lugar, ética; e, por último, filantrópica”, polo que en xeral a RSE “limítase a manter a licenza social para que os proxectos de desenvolvemento poidan seguir adiante”.
O texto conclúe con outro problema clave na economía dos océanos: “Os paradigmas económicos, as políticas gobernamentais e os marcos do sector privado perpetúan os modelos, os investimentos e as actividades da economía oceánica que son, na súa meirande parte, inxustos”. Isto é, “a medida que as novas formas de desenvolvemento económico máis intensivas en tecnoloxía e capital se trasladan ás zonas costeiras, consérvanse menos postos de traballo e beneficios económicos nas comunidades locais que coas actividades a menor escala”. Ademais, é habitual que a titularidade destas iniciativas sexa corporativa e estranxeira, con man de obra procedente doutras rexións.
En relación a este asunto, o traballo fai mención ás conclusións das análises realizadas entre 2020 e 2021 en países de Asia como Bangladesh, India, Indonesia, Sri Lanka e Tailandia. Neles identificáronse problemas como o acaparamento ilícito de bens comúns oceánicos e costeiros, a marxinación de pescadores e comunidades costeiras, a denegación dos dereitos de pesca e de subsistencia, danos aos hábitats e recursos mariños, a exclusión estratéxica da toma de decisións e a distribución desigual dos beneficios.
Este escenario de desigualdade e falta de oportunidades para as comunidades costeiras, en opinión deste grupo de especialistas xera problemas sociais como poden ser menores taxas de saúde mental e benestar, un aumento da violencia de xénero, a migración e o envellecemento das súas poboacións. Son impactos que afectan, en moita maior medida, a colectivos vulnerables que dependen en gran medida dos propios recursos locais e que xa están suxeitos á marxinación estrutural e asimetrías que se perpetúan no tempo, como os pescadores a pequena escala, as comunidades indíxenas e as mulleres.
Acción transformadora
Para abordar estas cuestións e avanzar cara a unha economía azul que xere un beneficio real nas comunidades e poboacións costeiras, o texto propón “unha acción transformadora global a catro niveis”. Así, suxiren repensar e cambiar o paradigma e as narrativas de desenvolvemento da economía azul, priorizando as persoas, a sustentabilidade social e a equidade. Tamén integrar a sustentabilidade social e a equidade nas deliberacións e documentos políticos internacionais e nacionais, dando máis espazo nestes debates aos representantes das comunidades costeiras e dos grupos marxinados.
Nesta mesma liña, o estudo propugna avanzar nos principios e prácticas do sector privado dende a protección dos dereitos ata a mellora do benestar humano, xerando un maior compromiso nas prácticas existentes de Responsabilidade Social Corporativa, ademais de identificar e ampliar os modelos e oportunidades de desenvolvemento da economía azul baseados na comunidade local.
Estas propostas transformadoras —conclúe o equipo que asinou o artigo— son necesarias “para garantir que o desenvolvemento económico baseado no océano contribúa ao benestar humano das comunidades costeiras. É hora de ir alén das conferencias internacionais, das políticas gobernamentais e das prácticas do sector privado que ignoran, descoidan ou non abordan suficientemente as consideracións sociais”.
No Comments