O grupo de traballo en Pesca Marítima Recreativa reclama unha maior coordinación entre os axentes implicados no sector

A rede coordinada pola USC denuncia a fenda de xénero existente neste eido e reivindica políticas específicas que favorezan que as mulleres experimenten os beneficios derivados desta actividade de ocio

A xestión da Pesca Marítima Recreativa (PMR) precisa dunha maior coordinación e implicación das diferentes administracións públicas, centros de investigación e asociacións de pescadores. Esta é unha das principais conclusións ás que acaba de chegar o grupo de traballo en PMR, unha rede de ámbito estatal coordinada pola USC que pretende reforzar a sustentabilidade socioecolóxica neste eido. Ademais, o grupo pon o foco na fenda de xénero existente nesta actividade de ocio e recomenda o desenvolvemento de políticas específicas que favorezan que as mulleres experimenten os beneficios derivados da práctica desta modalidade de pesca.

Durante o ano 2021, os membros da rede afrontaron algúns dos retos máis urxentes da  PMR en España, como o desenvolvemento coordinado de Marcos de Recompilación de Datos (MRD) sobre a PMR para dar resposta ás necesidades de información da Unión Europea (UE). “É necesario fomentar o asociacionismo dos pescadores recreativos para facilitar non só a súa incorporación a programas de obtención de datos, senón tamén a súa implicación nos procesos de gobernanza da pesca, especialmente nos casos relacionados co uso de datos proporcionados polos propios pescadores”, sinalan dende o grupo de traballo.

O establecemento de fluxos de información  bidireccional nos MRD da PMR, incluíndo o acceso público ás bases de datos xeradas, e especialmente a rápida diseminación de resultados adaptados, facilitará a estabilidade na implicación dos pescadores na provisión de información sobre a súa actividade. Finalmente, a rede recomenda que a normativa e metodoloxía empregada para o desenvolvemento dos MRD debe de ser flexible para adaptarse a cambios  de regulación sobre os datos demandados pola UE.

Fenda de xénero

Outra das liñas de traballo deste grupo en 2021, consistiu no desenvolvemento dunha estratexia para reducir a fenda de xénero existente no acceso á PMR en España. Establecer incentivos económicos mediante a redución de taxas administrativas, incrementar a visibilidade de referentes de éxito femininos na  PMR, ou o fomento da percepción desta modalidade de pesca como unha actividade de lecer familiar en contacto coa natureza, conforman algunhas das medidas que poderían contribuír a incrementar a participación das mulleres neste eido.

Esta rede de ámbito estatal atópase financiada pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través do Programa  Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). O grupo conta coa participación de doce organizacións do sector, trece centros de investigación, a administración estatal, e as administracións autonómicas de Galicia, Asturias, Baleares, Canarias, Cantabria, Cataluña, Murcia e Valencia. O obxectivo fundamental desta iniciativa é dar pulo á colaboración e á transferencia de coñecementos entre os diferentes axentes que operan nesta modalidade de pesca.

No Comments

Post A Comment