10 Jan España lidera, xunto á China e o Xapón, o comercio mundial de cefalópodos
O profesor da USC Sebastián Villasante lidera un estudo publicado en ‘Scientific Reports’ e que describe a rede global de comercio de cefalópodos
O comercio global de cefalópodos constitúe na actualidade unha industria multimillonaria, tras experimentar nos últimos decenios un enorme crecemento: un 416% no volume de descargas dende 1961. Especies como o polbo, a lura ou a xiba son algunhas das máis recoñecidas dunha clase de invertebrados mariños que representan o 2,5% da produción mundial de alimentos procedentes do mar. Un estudo que publica a revista Scientific Reports, do grupo Nature, analiza en detalle a importancia deste sector e destaca que España, a China e o Xapón eríxense nos líderes deste comercio mundial.
O traballo está liderado polo investigador da USC Sebastián Villasante pertencente ao Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS). Xunto a el, lidera o estudo Andrés Ospina-Álvarez, do Instituto Mediterráneo de Estudios Avanzados (IMEDEA), centro mixto da Universidade das Illas Baleares (UIB) e o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Na investigación, tamén participan Pablo Pita e Gillian Ainsworth, vinculados ao CRETUS da USC; Silvia de Juan do Instituto de Ciencias do Mar (ICM-CSIC); así como Cristina Pita e Fábio Matos da Universidade de Aveiro.
20 anos de rexistros
“A pesar da súa importancia ecolóxica, social e económica, xa que contribúe total ou parcialmente aos ingresos de miles de familias no mundo, existen poucas investigacións que describisen o alcance e a escala do comercio global dos cefalópodos”, apuntan dende o equipo investigador. “Do mesmo xeito, non existe ata a data unha regulación específica ou sistemas de seguimento que permitan estudar a súa trazabilidade”, engaden. Este traballo contribúe, polo tanto, a mellorar o coñecemento sobre o panorama xeral da industria. Para iso, os autores analizaron 20 anos de rexistros recompilados nas bases de datos de comercio das Nacións Unidas e constataron que oito países, incluíndo España, dominan o comercio mundial de cefalópodos.
Os resultados deste estudo mostran que a meirande parte dos movementos de mercado, no que están involucrados uns 250 países, atópanse liderados por cinco países asiáticos —a China, a India, a República de Corea, Tailandia e Vietnam—, dous países europeos —Países Baixos e España— e os Estados Unidos. O artigo destaca ademais que España pertence ao grupo de cabeza da subministración de cefalópodos per cápita/día, ou o que é o mesmo, a media da oferta dispoñible por habitante no país, só superada por Corea do Sur e ao mesmo nivel que o Xapón ou Taiwan.
O estudo tamén sinala que moitos dos cefalópodos potencialmente consumidos en España proveñen de Mauritania e Marrocos (polbo conxelado) e India (lura e xiba frescas), mentres que unha gran cantidade do polbo fresco español expórtase principalmente a Portugal e Italia. Esta situación conforma un claro exemplo da gran complexidade da rede mundial de comercio de alimentos mariños, onde o produto fresco e de calidade segue unhas rutas diferentes ás de abastecer os mercados locais, mentres que o produto procesado ou que viaxou grandes distancias é a principal oferta nos supermercados e grandes superficies. Os autores do estudo afirman que destacar esta información é de vital importancia no contexto actual de cambio global, pois o impacto ecolóxico dun alimento de orixe mariña non só se debe á enerxía utilizada para a súa captura e produción, senón tamén á distancia percorrida para chegar ata as mesas, e mesmo ao vehículo utilizado para o seu transporte.
Ademais da análise destes movementos de mercado, a investigación identifica os países ou territorios que xogan o papel de principais exportadores e/ou importadores, os moduladores, intermediarios ou acumuladores, os comerciantes mellor conectados e influentes, as principais rutas de fluxo e os puntos febles da rede mundial de comercio dos cefalópodos.
Preguntas e respostas
“O máis interesante segue a continuación, pois poderemos facernos preguntas baseadas nos nosos resultados” explican Sebastián Villasante e Andrés Ospina- Alvarez. “Agora será máis fácil responder a cuestións sobre como melloramos as cadeas de subministración facéndoas máis sostibles e resilientes ao cambio climático, que países deben liderar os sistemas de trazabilidade e verificación de produtos, ou cales son as rutas que hai que vixiar para garantir a seguridade alimentaria nesta industria”.
Esta investigación, conclúen os asinantes do artigo, “achega información esencial para avanzar cara a un comercio mundial de cefalópodos transparente e sostible, no que a trazabilidade, a correcta etiquetaxe e a seguridade alimentaria supoñan elementos esenciais da xestión, pero tamén dunha industria pesqueira con efectos verdadeiramente globais”. “Isto pode requirir un compromiso internacional de políticas coordinadas, mecanismos financeiros e de mercado adecuados, e avances científicos e tecnolóxicos en constante evolución, pero os beneficios ecolóxicos, económicos e sociais superásenos con fartura. Adaptar a industria pesqueira e mitigar os efectos do cambio global para todos os que dependen dela é un dos retos da humanidade para lograr un futuro alimentario globalmente sostible”, subliñan. Este traballo foi financiado ao abeiro do proxecto INTERREG Cephs and Chefs.
No Comments