24 Jan Ecosociedade, unha aposta polo diálogo, o coñecemento e os videoxogos para conservar o ecosistema das Rías Baixas
Esta iniciativa na que toma parte a USC destacou a necesidade de implicar a sociedade e o sector privado na conservación do espazo mariño e da súa biodiversidade
A necesidade de implicar a sociedade e o sector privado na conservación do espazo mariño e da súa biodiversidade, para que participen nos procesos clave para a súa protección, é unhas das principais conclusións ás que chegou o proxecto Ecosociedade. Financiada pola Fundación Biodiversidade, esta iniciativa que acaba de presentar os seus resultados contou coa participación do sector empresarial, da sociedade civil e dos centros educativos, co obxectivo de promover a colaboración entre os axentes para mellorar a conservación da biodiversidade mariña e a planificación e uso dos servizos dos ecosistemas mariños (SEM).
Ao longo do seu desenvolvemento, Ecosociedade afondou no coñecemento das investigacións realizadas sobre os servizos ecosistémicos das Rías Baixas. A través de grupos de traballo con empresas vinculadas a este espazo identificáronse as interaccións do sector co SEM, ademais de establecer unha estratexia de participación social e empresarial dende unha perspectiva de desenvolvemento sostible.
No encontro de presentación de resultados, participaron o profesor Sebastián Villasante e os investigadores Ana Tubío e Pablo Pita do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC, e Carlota Barañano. Os relatores destacaron a interdisciplinariedade da Ecosociedade, xa que nela participan expertos no ámbito da bioloxía, a economía e a participación cidadá. Ademais, insistiron na necesidade de ter presente a conservación da biodiversidade mariña nestas zonas para que nelas se poidan desenvolver actividades que permitan servizos ecosistémicos.
Bluescola
Outra das accións realizadas en Ecosociedade foi o programa educativo Bluescola, unha actividade formativa na que participaron cinco centros educativos de Pontevedra e Vigo. A través de videoxogos, desenvolvidos por Polygon.e Studios, e dunha unidade didáctica, ideada polo equipo de investigación con ilustracións de Clara Cerviño, o alumnado achegouse á biodiversidade mariña das Rías Baixas e á importancia da súa conservación para o benestar humano, co obxectivo de promover a conciencia ecolóxica nas futuras xeracións, segundo explicou Miguel Areán, de Polygon.e Studios.
Os seguintes obxectivos no marco de Ecosociedade, con novas investigacións a realizar na zona, céntranse en xerar un maior grao de compromiso e novas estratexias de actuación, tanto a nivel social como empresarial.
No Comments