ECOSER 2.0 avanza na análise da contribución das áreas mariñas protexidas ao benestar humano

O proxecto ECOSER 2.0 ‘Efectividade das áreas naturais protexidas na contribución dos servizos ecosistémicos mariños ao benestar humano’, coordinado polo profesor Sebastián Villasante, acaba de iniciar o proceso de validación dos datos compilados, en base á evidencia científica, dende o seu inicio, cos principais grupos de interese das áreas naturais protexidas (ANP). Trátase do Parque Nacional Marítimo-Terrestre Illas Atlánticas (Galicia), o Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar (Andalucía) e a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro ‘Os Miñarzos’ (Galicia).

Este proceso realizarase a través de catro mesas de traballo sectoriais por cada caso de estudo, nas que se contará coa participación e o coñecemento de expertos directamente relacionados coas ANP do sector pesqueiro, sector turístico, sector da academia e a investigación e da administración.

Nestas mesas de traballo contrastaranse os resultados recollidos para cada caso de estudo grazas ao deseño de meta-redes que analizan a conectividade entre compoñentes ecolóxicos, económicos, sociais e institucionais de áreas naturais protexidas, usando a teoría de grafos. Isto permitirá identificar como os servizos son subministrados polas poboacións de especies, entregados aos beneficiarios e afectados directa e indirectamente polos xestores e políticos e as accións de xestión.

Grazas a este proceso, e como resultado principal do proxecto, preténdese desenvolver unha ferramenta interactiva pioneira de visualización dos resultados desta investigación mediante mapas, gráficos e informes, e que será de acceso público a través dunha plataforma en liña (ECO-DATASEA).

Esta iniciativa, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), así como de entidades como a Universidade de Vigo, a Universidad de Almería e a Fundación Lonxanet e coa participación do Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa (ICSEM).

No Comments

Post A Comment