Charla en Lira: A dimensión humana das áreas mariñas protexidas. A reserva dos Miñarzos

O EqualSea Lab (CRETUS-Universidade de Santiago de Compostela) organiza este sábado 23 de abril, ás 12 horas, un acto que se enmarca na celebración do Día Marítimo Europeo (European Maritime Day).

salón de actos do edificio da confraría de pescadores de Lira (Carnota) acolle a conferencia A dimensión humana das áreas mariñas protexidas: a reserva mariña dos Miñarzos. O obxectivo desta actividade é amosar como unha boa xestión destes espazos pode axudar a que se complementen a conservación da natureza e as actividades humanas.

No encontro exporase como a reserva mariña dos Miñarzos leva impulsando, desde a súa posta en marcha, o desenvolvemento social e económico de Lira e a súa contorna ao tempo que se xeran beneficios sobre o ecosistema na área. Será unha oportunidade para a reflexión, de cara a abordar o presente e o futuro desta área protexida. Poñeranse en común os aspectos positivos que esta área mariña protexida (AMP) ofrece non só no aspecto económico, senón tamén no ámbito social e cultural. E, ao tempo, analizaranse os retos e problemas que afronta a reserva.

A creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos”, no ano 2007, marcou o inicio dun camiño cara a convivencia entre as actividades humanas sostibles e a conservación do medio natural. Esta área mariña protexida, pioneira a nivel internacional ao nacer dunha iniciativa do propio sector pesqueiro e marisqueiro, baséase nun modelo de coxestión e participación que busca garantir un uso sustentable dos recursos que ofrece o ecosistema.

Foto: Sophia Kochalski.

Foto: Sophia Kochalski.

A necesidade de mellorar a xestión e a protección efectiva destas áreas enmárcase nas estratexias de conservación da biodiversidade impulsadas por organismos como as Nacións Unidas ou a Unión Europea, que avogan por que un 30% da superficie mariña estea considerada como área mariña protexida no ano 2030.

No encontro participarán investigadores e profesionais cun coñecemento profundo da reserva dos Miñarzos e do estudo das áreas mariñas protexidas. Falarán Sebastián Villasante, investigador principal do EqualSea Lab (CRETUS – Universidade de Santiago de Compostela), e coordinador do proxecto ECOSER 2.0, que ten a reserva mariña de Lira como un dos exemplos de estudo para analizar como estas áreas protexidas contribúen ao benestar humano na súa contorna, Antonio García Allut, profesor de Antropoloxía Social na Universidade da Coruña e director da Fundación Lonxanet, Mariano Lago Louro, patrón maior da confraría de pescadores de Lira, Remedios Dosil, vicepatroa, Primitivo Pedrosa, mariñeiro de Lira, e Raúl García, coordinador de pesquerías de WWF España. O acto conta coa colaboración do Concello de Carnota, a Fundación Lonxanet e a Confraría de Pescadores de Lira.

O Día Marítimo Europeo (European Maritime Day) é unha celebración anual impulsada pola Unión Europea para reunir aos diversos axentes implicados nos asuntos vinculados ao mar e a contribución a unha economía azul e sustentable. Os actos centrais terán lugar neste 2022 en Rávena (Italia) os días 19 e 20 de maio. Ademais, de abril a outubro, os países da UE acollerán máis de 500 actividades paralelas ao abeiro da iniciativa do “Día Marítimo Europeo no meu país”. Nesta celebración enmárcase a conferencia que terá lugar o 23 de abril en Lira.

O encontro está organizado polo EqualSea Lab da Universidade de Santiago de Compostela. Este equipo, liderado polo profesor Sebastián Villasante, desenvolve desde 2021 e ata 2026 un proxecto de investigación financiado pola convocatoria Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). O obxectivo de este estudo é comprender como as áreas mariñas protexidas, como é o caso dos Miñarzos, poden reducir a desigualdade nas comunidades próximas e impulsar transformacións cara a un planeta máis sustentable no futuro.

No Comments

Post A Comment