19 May Cambio climático e relevo xeracional obstaculizan a resiliencia do marisqueo en Galicia
Unha menor experiencia na actividade marisqueira e un menor compromiso á hora de participar nas agrupacións deste eido tenden a incrementar os riscos de vulnerabilidade económica, feito que pon sobre a mesa a necesidade de medidas correctoras. Esta é unha das conclusións ás que acaba de chegar un equipo integrado por persoal investigador da USC, UDC e UVigo en colaboración coas confrarías de Cambados, Redondela e a Lonxa de Campelo. A investigación, liderada polo profesor Sebastián Villasante, consta de entrevistas a preto de 250 persoas que se dedican ao marisqueo, sendo mulleres o 92%.
O estudo, publicado en Frontiers of Marine Science, avalía os impactos do cambio climático sobre a vulnerabilidade socioeconómica do marisqueo nas rías galegas, e as posibles adaptacións a eles, desde unha perspectiva social. Así, o artigo advirte que “o sector está afrontando a ausencia dun relevo xeracional para traballar no marisqueo e asegurar non só beneficios, traballo e presenza de poboación nova en comunidades costeiras, senón tamén para reter o coñecemento tradicional e memoria socio-ecolóxica de prácticas asociadas, experiencia e valores culturais”, explican dende o equipo investigador.
O traballo axuda a encher, en parte, o baleiro de investigación sobre a compoñente socio-económica das ameazas que os efectos do cambio global poden xerar nas pesqueiras a pequena escala e as comunidades que viven delas, tanto en Galicia como nas outras partes do mundo que afrontan desafíos semellantes. Este artigo forma parte dos resultados do proxecto MARISCO, coordinado pola profesora Elsa Vázquez da UVigo, e financiado polo Programa Estatal de I+D+i Orientada aos Retos da Sociedade do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O estudo toma como exemplo tres áreas de marisqueo relevantes para a produción en Galicia como é o caso de Cambados, Campelo-Poio e Redondela. Segundo o profesor Villasante, coordinador da dimensión socioeconómica do proxecto MARISCO, o artigo achega “unha nova evidencia empírica sobre as estratexias de adaptación social desenvolvidas por mariscadoras e as súas familias en Galicia”. “Os estudos de caso, como os presentados aquí, son esenciais para construír a resiliencia e a adaptación colectiva para conter os impactos do cambio climático”, engade.
A elevada vulnerabilidade nas persoas con menor experiencia pode disuadir á xente máis nova de incorporarse ao sector, polo que o estudo recomenda que as administracións outorguen prioridade aos incentivos económicos cara á incorporación de xente nova para manter o sector vivo e fixar poboación nestas áreas costeiras. Deste xeito, os e as asinantes destacan que a non adaptación a este novo escenario “pode afectar a produtividade económica do sector e levar á sobreexplotación e perda de recursos, con consecuencias posiblemente graves para as familias”.
Impacto do cambio climático
Na costa atlántica de Europa, os efectos do cambio climático manifestaranse, segundo as estimacións científicas, en vagas de calor cada vez máis frecuentes e intensas ou precipitacións extremas que modificarán a salinidade das augas das rías. Isto provocará “efectos que levarán á perda de biodiversidade mariña e alteración dos ecosistemas”, sinalan dende o equipo investigador.
A costa galega, especialmente as Rías Baixas, destaca por acoller unha das pesqueiras de bivalvos máis importante de Europa en termos de capturas e emprego, así como pola súa gran relevancia socio-económica na contorna. Especies como as ameixas babosa, fina e xaponesa ou o berberecho son algunhas das máis notables nesta actividade.
Porén, a actividade está exposta a importantes variacións espazo-temporais nas capturas por mor das flutuacións nas condicións medioambientais causadas polos cambios de temperatura ou salinidade. Segundo os estudos que se realizaron no proxecto MARISCO, os efectos do cambio climático poden aumentar o estrés nestes ecosistemas e levar aos límites da tolerancia a estas especies en factores como a reprodución e o crecemento. Isto xeraría problemas de recrutamento ou retrasos no tempo requirido para obter tallas comerciais, co conseguinte descenso de abundancia destas especies. Ademais, o aumento do nivel do mar podería causar o asolagamento dalgúns leitos intermareais, e as vagas de calor extrema no verán afectarán tamén ás condicións laborais das mariscadoras.
Neste contexto, o equipo autor do traballou analizou a capacidade das comunidades pesqueiras para adaptarse aos escenarios de cambio global. Estas adaptacións defínense como os procesos de axuste que teñen por obxectivo moderar o dano ou aproveitar as posibles oportunidades de beneficio que xorden ante estes impactos. Segundo os e as asinantes, “comprender os factores implicados na vulnerabilidade e a resiliencia, tendo en conta os aspectos sociais para a sustentabilidade das pesqueiras artesanais, axudaría á comunidade científica e ás persoas a cargo das decisións políticas a minimizar as causas subxacentes desta vulnerabilidade social para afrontar as crises e os impactos socioecolóxicos”.
Adaptacións e participación do sector
Con todo, os resultados tamén amosan que o sector marisqueiro en Galicia xa desenvolveu un amplo rango de estratexias de adaptación, como son a colleita de especies de alto valor comercial e de maior abundancia nos bancos marisqueiros. As mariscadoras tamén se adaptaron á situación reducindo os gastos domésticos e complementando os ingresos con outros traballos formais e informais para compensar as perdas económicas. Baseándose nestas accións, o traballo recomenda poñer o foco en aspectos clave como a mellora das relacións sociais dentro das agrupacións, fomentar unha maior conciencia sobre as ameazas do cambio climático, o impulso de novas habilidades e a participación do sector nos plans de adaptación e resiliencia.
Por tanto, o equipo manifesta a vontade de que “a investigación que levamos a cabo poida guiar estudos futuros e recomendacións de políticas públicas para o desenvolvemento do sector”, instando a que “as futuras orientacións para a xestión destas pesqueiras deberían implicar activamente o sector marisqueiro, incluíndo os seus coñecementos tradicionais e locais”. “Esta inclusión axudaría a desenvolver políticas máis eficaces, xa que incorporaría a comprensión das estratexias de adaptación social local”, conclúen.
No Comments